O VI Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) terá lugar este outono entre os días 5 e 18 de outubro de 2013, grazas ao apoio das Institucións (Concello, Deputación, INAEM e Vicerreitorado da Universidade de Vigo). Grazas tamén á xenerosidade e implicación co evento das Compañías participantes; ao compromiso dun equipo entregado (malia os atrancos, a brutal crise imposta e os recortes); aos espectadores e colectivos culturais que o alentan. E, por riba de todo, coa certeza común de que é nutritivo –máis ca nunca– seguir creando pontes, abrindo portas con este Encontro, referente alén das nosas fronteiras e patrimonio xa da nosa Comunidade.

Que poderemos ver nesta edición?

Un dos grandes nomes da escena europea, o coreógrafo danés Palle Granhøj, director da compañía Granhøj Dans, con recoñecemento internacional pola súa orixinalidade e ao alto nivel do traballo desenvolvido durante vinte anos. Ou La Mona Ilustre, nova compañía chilena que presenta un fermoso traballo con obxectos e vén de colleitar aplausos e premios.

Creadores doutras comunidades autónomas tan estimulantes como Markeliñe, compañía do País Vasco, que se dedica a facer un teatro xestual e visual, sorprendente e irónico. Con Adentro Teatro, Tristán Ulloa dirixe por primeira vez a que está sendo unha das sorpresas da tempada, «En construcción», traballo hispano/arxentino que hipnotiza con humor e tenrura, do que se di que é íntimo, emocionante e necesario. Asemade visitarannos desde Andalucía GL Producciones dirixida por Veronese, sólido director arxentino de prestixio indiscutíbel cun texto intelixente e de delicada retranca.

Os espectadores poderán gozar coas propostas das compañías galegas de longa traxectoria e veteranía como Teatro do Atlántico, xunto con Chévere, Premio do Público no Festival de Cangas ou Abrapalabra, Premio no Festival de Ribadavia. Que Matarile volva ao Teatro Galego, despois de tres anos de paréntese na súa actividade recoñecida internacionalmente, é unha Festa. O momento é do «máis difícil aínda», pero con alegría: benvidos/as sexan as creadoras de primeira liña como Ana Vallés. Tamén hai que ver os espectáculos de Funboa Escénica, un teatro novo que aporta outras sensacións, outras formas de identidade, ou Ensalle Teatro acabado de chegar dunha exitosa xira por México.

A páxina web www.fitoourense.com servirá como altofalante para que todos os nosos espectadores e espectadoras poidan permanecer informados/as polo miúdo das creacións que nos depara a programación deste VI FITO.

Poderán verse no Teatro Principal, no Auditorio Municipal, nas Rúas, no Centro Municipal - Banco de España e na sala Multiusos do Campus Universitario. Un ano máis, os nosos escenarios escintilarán con propostas singulares e de grande calidade para que Ourense floreza no tempo das glicinias.

Esperámosvos, no teatro.

 

Ánxeles Cuña Bóveda
Directora do Festival Internacional de Teatro de Ourense e de Sarabela Teatro