xo
ve
sa
do
ma
me
xo
ve
sa
do
me
xo
ve
sa

SÁBADO 18

19’00 Auditorio Municipal, Sala Azul
COMPAÑÍA: Pablo Fidalgo Lareo
PROCEDENCIA: Galicia
ESPECTÁCULO: Perfomance O estado salvaxe. Espanha 1939
DURACIÓN: 60 min.

FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Creación e texto: Pablo Fidalgo Lareo, a partir das películas de Manuel Lareo
Montaxe: Xurxo Chirro
Intérprete: Mercedes Fernández Vázquez
Asistencia técnica: Paul Edward Guy
Produción e web: Amalia Area


SINOPSE
“O estado salvaxe é unha performance creada despois de moitas conversas coa miña avoa. Ela é, ademais, a única actriz da peza. A través de imaxes en súper 8 gravadas polo meu avó dende os anos 50 ata os 80, reescribiremos a historia da miña familia, e ao mesmo tempo, a historia de España dende a guerra civil ata os nosos días. É o testemuño dunha muller que leva moito tempo en silencio e que ten un grande desexo de falar, moito que aclarar, moito que reparar. É, sobre todo, un acto de amor lúcido e extremo, un ataque de romanticismo antes de queimar as naves. Nunha carta dirixida ás súas netas, a miña avoa vai tecendo a súa biografía e cuestionándose todo o seu pasado, o seu presente e o seu futuro, nun exercicio de honestidade brutal que guinda luz sobre o que significa estar vivos hoxe”.

O estado salvaxe. Espanha 1939 foi creada entre Galicia, Portugal e Arxentina. Producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coproducida por Centro Párraga (Murcia) e Festival Temps d’Images (Lisboa). Co apoio de Fundación START-Centro de Investigaciones Artísticas de Bos Aires, Festival Bad-Museo Guggenheim Bilbao, Centro Cultural Vilaflor (Guimarães), O espaço do tempo (Montemor-o-novo), e Zé dos bois (Lisboa).

Premios
Seleccionado polo proxecto Fabulamundi. Playwrite Europa 2013/2014.

A compañía
Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984), escribiu o libro La educación física (Pre-textos, 2010), elixido por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados en 2010 en España. En 2012 gaña o Premio Injuve de Poesía polo libro La retirada. O seu traballo ten sido presentado en España, Portugal, Italia, Polonia, Brasil, Arxentina e Uruguai. Os seus textos foron recollidos en varias antoloxías e traducidos a varias linguas. Dende 2004 ata 2013 formou parte da compañía La tristura. En 2013 publica o libro de poemas Mis padres: Romeo y Julieta. Vive e traballa en Lisboa.


pablofidalgo.com

20’30 AUDITORIO MUNICIPAL
COMPAÑÍA: Sergi López e Jorge Picó
PROCEDENCIA: Cataluña
ESPECTÁCULO: 30/40 Livingstone
DURACIÓN: 1 h. 20 min.

FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Autores e directores: Sergi López e Jorge Picó
Intérpretes: Sergi López e Jorge Picó
Deseño de iluminación: Lionel Spycher
Creación musical: Óscar Roig
Técnico de iluminación e son: Pep Arumí
Rexedor: Pepe Miró
Produción executiva: Xochitl de León
Coprodución: Setze Fetges Associats, Ring de Teatro e Festival Temporada Alta 2011


SINOPSE
Un explorador (Sergi López ), despois de perseguir, observar e localizar aos exemplares máis prezados do planeta (o elefante pigmeo da India, o antílope de tres cornos, a pantera das neves do Himalaia, o bisonte branco do Charles Bronson…) atópase buscando, ao que, din as crónicas, é o animal dos animais (Jorge Picó ), invisible ata hoxe para o ollo humano. Nos debuxos aparecen trazos dun ser alado, un mamífero do que non se coñece grande cousa; algúns manuscritos antigos refírense a el como “aquel que ten alma”… Tanto tempo pasou buscándoo que a súa vida volveuse unha obsesión; igual có Capitán Ahab perseguía a Moby Dick, o noso heroe persegue, rutineira e metodicamente, unha idea, un Eldorado, un soño… O que non sabe é que o encontro con este animal cambiará a súa vida e xa nada será como antes… Sobre todo o día no que John McEnroe se cruzou nas súas vidas…

A area, a mesa das cartas, o círculo máxico, o templo, o escenario, a pantalla, a pista de tenis, o tribunal de xustiza son todos, na súa forma e función, terreos de xogo, isto é: lugares prohibidos, illados, valados, consagrados, nos que prevalecen regras especiais. Todos eles son mundos temporais dentro do mundo ordinario, dedicados á representación dun acto aparte. (Johan Huizinga, Homo Ludens).

A compañía
Sergi López e Jorge Picó coñecéronse en París mentres estudaban na escola do mestre Jacques Lecoq, no ano 1990. Estas liñas paralelas volven cruzarse no escenario, cumprindo o soño do seu mestre: que os seus alumnos reinventasen a realidade nun teatro de creación vivo, popular e atado ao misterio da vida. Sergi López e Jorge Picó estrearon en 2005 un dos maiores éxitos do teatro catalán: o monólogo de humor Non solum. En 2011 volveron poñer en marcha a máquina creativa e estrearon no Festival Temporada Alta 2011, 30/40, Livingstone, unha creación, dirección e, nesta ocasión, interpretación, conxuntas.


www.3040livingstone.cat