O FITO débese a súa cidade: OURENSE

Naceu hai sete anos coa misión de compartir e ensanchar ollares. Para dar a oportunidade de ampliar a visión do mundo, grazas a propostas sensibles aos desexos, ás preocupacións e aos intereses colectivos. Para revisar a vida e os acontecementos que nos conmoven. Para manter a diversidade e atopar antídotos contra a desesperanza.

As enerxías do equipo organizador de Sarabela oriéntanse a favorecer intercambios artísticos e encontros críticos co presente. Nesta edición propomos un mosaico moi especial e diversificado: teatro cómico; thriller policial; teatro emocional; teatro danza; teatro de autor; cabaré; teatro antropolóxico e emerxente; teatro de conciencia e memoria. Teatro comprometido co tempo que estamos vivindo e teatro luminoso para a ilusión, teatro do que é e do que pode ser.

Non se trata de sumar espectáculos ata rematar o orzamento. Cremos que para conseguir conectar cada vez mellor coa nosa audiencia é importante seleccionar creacións que doutro xeito sería imposible coñecer e que xuntos dan unha visións selecta, complementaria e magnífica dalgunhas das mellores expresións artísticas das artes escénicas neste 2014.

A nivel internacional:

Xa na V edición tivemos o pracer extraordinario de deleitarnos con Patrice Thibaud, procedente de Francia, e que está considerado como un dos mellores cómicos de todos os tempos. Imposible resistirnos a convidalo novamente para que coa súa arte nos faga gozar. De América Latina visítanos Viaje Inmóvil, paradigma das artes escénicas que produciu Chile na última década, capitaneado por Lorca, creador moi recoñecido. Trae un Otelo feminicida totalmente orixinal no 450 aniversario de Shakespeare.

Portugal estará representado por Teatro da Didascália. A escaseza de fondos obrigounos a renunciar a unha maior presenza de creadores estranxeiros.

Na liña de producións doutras Comunidades:

Participan seis obras procedentes de Baleares (Tshock Cultura Emocional), Cataluña (Titzina e Sergi López e Jorge Picó) e Andalucía (La Choni, Fernando Hurtado, Funamviolistas). Escolma feita polo miúdo entre máis de 70 Compañías de toda España. Só podemos convidar un número limitado de grupos, por iso a calidade ten que ser o motor que impulse o Festival. Fixemos a escolma coa responsabilidade máxima e os recursos mínimos.

Prácenos valorar moi positivamente o interese crecente que os espectadores amosan por coñecer mellor e sentirse orgullosos/as do nivel de madurez das Compañías Galegas (Matarile, Chévere, Voadora, Aporía e Pablo Fidalgo), que malia a “paisaxe asediada” que está vivindo, amosa fermosas e excelentes propostas e que especialmente debemos apoiar. Para esta edición está prevista a presenza de seis espectáculos da nosa Comunidade.

Reparen tamén nas actividades paralelas, por favor. Haberá un decidido apoio á literatura dramática coa presentación de tres textos; un obradoiro de dramaturxia; un obradoiro de crítica; un encontro aberto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e dous documentais que paga a pena non perder.

Grazas a todos e a todas, espectadores/as, compañeiros e compañeiras activos de intercambio cultural. Sen vós esta cita de outono teatral en Ourense non tería sentido.

En representación do equipo de xestión, programación e organización de SARABELA TEATRO:

 

Ánxeles Cuña Bóveda
Directora do Festival Internacional de Teatro de Ourense