DURANTE TODO O FITO (VENRES 2 A LUNS 12)
Animación de rúa do grupo TrÉcola


VENRES 2
16:30 Centro Cultural Marcos Valcárcel
Encontro do sector das artes escénicas galegas
Interveñen:
Presidente da AAAG, Vicente Mohedano; Presidenta de Escena Galega, BelÉn Pichel; Presidente da AsociaciÓn de Festivais,  Roberto Pascual

Representantes do sector profesional das artes escénicas de Galicia reuniranse no 8º FITO coa fin de dar unha resposta á crítica situación actual do sector. Promoverase a elaboración dunha proposta de Lei Galega das Artes Escénicas.

VENRES 2
18:30 Centro Cultural Marcos Valcárcel
Encontro coa crítica:O papel da crítica teatral nos escenarios da crise
Interveñen
Manuel Xestoso e Camilo Franco

Mesa-Coloquio sobre cal é o estado actual do xornalismo cultural en Galicia e sobre o papel que  pode xogar a crítica, coma ponte co público,  para revitalizar a escena.


SÁBADO 3
DE 16:00 A 20:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Encontro de dramaturgos e dramaturgas galegas

Despois das reunións celebradas durante a MITCF de Cangas e a MIT de Ribadavia, o FITO acolle no seu programa unha nova sesión centrada no desenvolvemento da asemblea constituínte da asociación, á que están convocadas todas as persoas relacionadas co eido da dramaturxia.


DO MARTES 6 AO XOVES 8
16:00 - 20:00 SALÓN EMILIA PARDO BAZÁN - ED. DE FACULTADES DO CAMPUS UNIVERSITARIO
Curso A vida impartido por MARCO CANALE

MATRÍCULA: 30 €. (15 € alumnos/as da Aula de Teatro Universitaria do Campus de Ourense e Escolas de Teatro).
15 prazas por orde de inscrición nos teléfonos 639884984 ou 605786033 (de 11’00 a 13'30 de luns a venres dende o día 28 de setembro ata o día 2 de outubro) ou no correo-e fitoourense@yahoo.es

O obradoiro indagará na creación escénica a partir das pegadas da nosa vida, dende a certeza de que nun mundo saturado de información, a intimidade pode movernos alén do espazo de “comodidade” das ideas que consumimos diariamente.
Traballarase así dende unha necesidade persoal, que indague nas relacións entre a nosa historia persoal, familiar e a historia política do país. Traballando dende as contradicións, fortalezas, dúbidas e debilidades, saíndo do lugar do “denunciante” ou do “heroe”. E atopando o que pode iluminar “unha vida común” sobre a conxuntura ou a historia política do país, sobre as nosas vidas e sobre aquela necesidade (busca) dende a que partimos.
O obradoiro culminará cunha mostra dos materiais creados polos participantes.

MARCO CANALE

Creador escénico e audiovisual (Bos Aires, 1977), traballa en proxectos onde  a arte atravesa co biográfico e o político. As súas obras presentáronse en cidades, barrios e espazos como o Festival de Edimburgo (Proxecto Theatre Uncut: Premios Fringe First, Herald Angel e Spirit of the Fringe), Haus der Kulturen der Welt (Bedor escénicrlín), o Festival Iberoamericano de Cádiz (España), Theatre Clurman (Nova York), Festival Re/Posicións (México D.F), Escena Contemporánea (Madrid), Young Vic Theater (Londres), Teatro Beckett (Bos Aires) e Casa de América (Madrid), entre outros. Participou en encontros organizados polo Royal Court (Londres) e a Sala Beckett (Barcelona) e publicou as súas obras en Editorial Artezblai, Primer Acto e Ediciones Autor (España) e en Editorial L´Amandier (Francia).


DO SÁBADO 10 AO LUNS 12
AUDITORIO MUNICIPAL
I ENCONTRO «MULLERES CREANDO»

Nos últimos anos xurdiron en Galicia toda unha serie de Compañías teatrais que introducen as tendencias da contemporaneidade. Moitas destas novas compañías teñen como principais impulsoras a mulleres (produtoras, directoras, dramaturgas, actrices, bailarinas, etc..) que sumadas ás xa existentes fan deste país un lugar excepcional en canto a un novo panorama escénico sustentado nas singulares voces de todas elas.
Pretendemos aproximarnos á filosofía doutros Encontros realizados a nivel mundial, como a corrente Magadalena Project que, dende a súa creación no 1986 en Gales, traballa en rede en diferentes continentes como Europa, América Latina e Australia. De igual modo, sérvenos de exemplo o Encontro de Mulleres de América Latina nas Artes Escénicas, que se realiza dentro do marco do Festival Iberoamericano de Teatro de Cádiz (FIT) e que traballa dende hai dezaseis anos.
O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), é o lugar máis axeitado para levar a cabo este proxecto e que este Encontro actúe como acicate para intercambiar experiencias, coñecernos a través do que realizamos e seguir impulsando, tamén nas artes, a paridade como criterio cultural.
Neste Encontro actrices, escritoras, directoras, performers, dramaturgas, bailarinas e artistas plásticas galegas xuntaranse con outras creadoras, produtoras, distribuidoras e directoras de Festivais do Estado  que comparten linguaxes artísticas, discusións, crítica, apoio, esperanza e miradas sobre a vida, a través de mesas de conversacións, relatorios e procesos de traballo.
Facemos este Encontro porque somos conscientes da marxinación e invisibilidade das mulleres na cultura, sobre todo nos ámbitos de maior poder e prestixio e polo tanto, queremos dar a coñecer e poñer en valor o traballo de tantas excelentes creadoras galegas.

SÁBADO 10
16:30 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: Festivais e encontros en España e Francia

Interveñen: Margarita Borja, Mariana González Roberts e Blandinne Pélissier
Nesta mesa darán conta da Proposta de adhesión á 1ª TEMPADA DE IGUALDADE NAS ARTES ESCÉNICAS EN ESPAÑA. Trátase de instalar con perspectiva europea a igualdade de oportunidades homes-mulleres nas unidades e estruturas públicas e privadas de dirección, produción, exhibición e difusión do teatro, a música, a danza, a ópera e o circo.

19:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA AZUL
Intervención de Ana Romaní: Unha delas. Arredor de Anne Sexton

Duración: 30 min.

Unha delas. Arredor de Anne Sexton.
Acusárona de errática, de enferma, de exhibicionista, de melodramática, de esaxerada...
Unha delas. Arredor de Anne Sexton é unha lectura compartida dos poemas e da poética  de Anne Sexton. A lectora tamén escribe poemas, ás veces. Busca entre os rastros o pulo e o trastorno do poético. Na violencia da estrutura fican os restos da audacia: “Eu -dixo Sexton- son a miña única herdeira”.
Unha delas xorde dunha proposta do espazo Cara a Cara do Charenton Clubcultura de Vigo. A iniciativa propuña unha lectura doutra autora en diálogo cos poemas propios. A conversa inclúe a lectura de poemas de Anne Sexton e de Ana Romaní.

Mulleres Creando: Ana RomanÍ

Ana Romaní publica no ano 1987 o seu primeiro libro de poemas Palabra de Mar. Despois editaríanse Das últimas mareas (1994), Arden (1998) e Love Me Tender (2006). Creou e participou en distintos proxectos artísticos, entre eles  "Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade" ou "A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos". No ano 2003 publica Antón Avilés de Taramancos. Antoloxía (Galaxia). Dirixe dende 1990 o programa de información cultural "Diario Cultural" da Radio Galega, recoñecido co Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2000), entre outros. Premio da Asociación de Escritores en lingua Galega (2007), Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007). Polo seu labor profesional recibiu o Premio Atlántida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2009) e Premio á Traxectoria Xornalística da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2009).

DOMINGO 11
11:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: A dramaturxia feminina en Galicia

Interveñen: Ana Carreira, Clara Gayo, Eva Ferreira, AveLina PÉrez e Ester F. Carrodeguas
As claves dos  procesos de escrita dende a perspectiva feminina e as voces das autoras participantes.

13’00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA AZUL
Recital poético. Iolanda ZÚÑiga e Chus Pato

Duración: 30 min.

A obra de Chus Pato (Ourense, 1955) manifesta a característica transgresión postmoderna dos xéneros literarios, conformando unha escritura baseada na superación do concepto tradicional de poesía, acolle non só diferentes tipos textuais, dende o biográfico ata o ensaísmo filosófico, senón unha polifonía de voces que van dende a da propia autora, á dunha pléiade de personaxes imaxinarios e reais que se manifestan en múltiples subxéneros: fragmentos teatrais, entrevistas, programas radiofónicos, etc. Os seus poemas nacen da conciencia da non neutralidade, da non naturalidade da linguaxe.

Iolanda Zúñiga di: A miña vinculación coa música comezou aos sete anos: pianei, percutín, saxofonei e zanfoneei. Abandonei. Apostei por outra afección venerada: o teatro. Habitei Fonseca. Claudiquei no estudo das Ciencias Políticas. Aburriume Compostela. Con todo, diplomeime como mestra de Educación Musical. Por un casting ao que me apuntaron rematei nun programa da TVG, Luar, pendurada dun arnés. Renunciei a ese oficio ingrato que reclama expoñer a imaxe tras vivir en Madrid e ser convocada a catro probas xunto a catro modelos altas, fracas e con talante vencedor que feriron a miña autoestima. Nos dez anos seguintes exercín de animadora, de pallasa, de fotógrafa, formei parte dun grupo musical, de teatro, de soñadores, vendín libros, discos, whiskys... Escribo dende onte. E aínda ignoro cal será o traballo no que vou estragar o resto da miña vida co fin de cotizar os derradeiros quince anos. Por certo, non aturo os puntos e aparte. Ben, só os imprescindibles.
Da infancia tamén lembro unha cidade aberta a un mar limpo... que xa non existe.

16’30AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e Reflexión: A creación feminina en Galicia
Interveñen: Inma LÓpez Silva, MarÍa XosÉ Queizán e MarÍa Armesto
É posible construír procesos de creación que desmonten símbolos e signos que se perpetúan a través de diferentes institucións?, como pode ser a institución da arte e, dentro desta, as artes escénicas?

 

 

LUNS 12
11:00 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: A dirección feminina en Galicia

Interveñen: Ánxeles CuÑa BÓveda, Marta Pazos, Gena Baamonde e Diana Mera
Directoras galegas darán conta dos seus traballos e analizarán cal é a clave dos seus procesos, abrindo o debate sobre se a perspectiva de xénero debe ser plasmada nas creacións escénicas.


13’00  AUDITORIO MUNICIPAL - SALA AZUL
Concerto poético. Silvia Penas - Cinta Adhesiva

Duración: 40 min.

Proxecto literario-musical, que sobre o fío condutor da música de Jesús Andrés os textos de Silvia Penas van dotando de significado as melodías, os ritmos, a cadencia.

Silvia Penas é profesora de lingua e literatura galega pola Universidade de Vigo. A súa obra poética é editada e premiada en continuas ocasións, destacando o certame para creadores novos da Xunta de Galicia Gzcrea, coa serie de poemas A tiranía do des. En 2010 publica en co-autoría con Elvira Riveiro, o libro de poemas Biografía da multitude, premio Victoriano Taibo 2009. No presente ano publica As uñas crecen, poemas gañadores do certame Manuel Lueiro Rey de poesía, e como editora As xeórxicas do pan, de Otero Pedrayo.

Actualmente é membro de diversos proxectos literarios e musicais como o obradoiro infantil Ola ríos, ola fontes, promovido pola Área de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, o proxecto Tristecentos versos (xunto cos poetas Elvira Riveiro e Xabier Xil e a DJ Carina Posse) e Cinta Adhesiva, un espectáculo poético musical co músico Jesús Andrés Tejada.

www.cintaadhesiva.org

16:30 AUDITORIO MUNICIPAL - SALA VERMELLA
Mesa e reflexión: Ser actriz. A tiranía do «perfil»
Interveñen: BelÉn Constenla, Fina Calleja, MÓnica Camaño, Casilda GarcÍa, MariÁn BaÑobre, Anabell Gago, BelÉn Pichel, Mariana Carballal e UxÍa Blanco

Tentaremos saber que ocorre en realidade cando as actrices se teñen enfrontar a un papel, a  tiranía do perfil que encaixa e estereotipa ás mulleres en novas, vellas, nais, fillas e, en fin, “aceptables” ou non “aceptables” na sociedade.