O outono é a estación das cores no campo, das noites que medran, das chuvias reparadoras e do teatro. Comezan as tempadas, as estreas, as programacións e como non, o FITO. E este é o noveno FITO, un número máxico, como máxica, espectacular e interesante é a súa programación. Preparámolo con querenza e coidado para que sexa do agrado de todos os ourensáns e ourensás e todos e todas que se acheguen á cidade de Ourense, a Auria universal. Compañías galegas, nacionais e internacionais estarán do 7 ao 19 de outubro compartindo escenarios e amosando o seu traballo artístico a uns espectadores e espectadoras críticas, afeitas á nobre arte do teatro.

Para destacar algo na programación, temos que falar de todas as compañías, pois todas son merecedoras. Os daneses Granhøj Dans, que volven ao FITO coa súa poética nos movementos. Dúas das compañías que nos acompañan no festival son Premio Nacional de Teatro, como Atalaya e Chévere. Atalaya coproduce co CDN a obra de Federico García Lorca, Así que pasen cinco años, poesía e imaxes feitas teatro, xusto cando se cumpren oitenta anos do asasinato do poeta. Chévere achéganos as Fillas bravas, fillas das mulleres galegas, matriarcas do saber popular e da retranca.

Outras compañías a destacar son Lagartijas Tiradas al Sol, de México, cun relato sobre as comunidades menos coñecidas da súa sociedade. La Llave Maestra vén dende Chile para falarnos de viaxes por pracer ou por necesidade, do ser humano nómade. Bravo Teatro, que cun texto dun dos mellores dramaturgos contemporáneos, David Mamet, conta no elenco con José Sacristán, considerado pola AFI (American Film Institute) como un dos vinte e cinco mellores actores do mundo.

Los Hedonistas cun traballo de investigación profundo e rigoroso e a compañía Rolabola, co Circo Mediterráneo, un espazo ao aire libre, para soñar co circo, mesturando o tradicional e o contemporáneo. A Companyia Pelmànec trae unha revisión de El avaro actualizada, onde a auga cobra protagonismo.

Unha estrea do laboratorio creador de Chévere, a Berberecheira, e compañías galegas moi premiadas e apreciadas como Matarile Teatro, que este ano celebra o seu trinta aniversario e outra máis nova, pero prometedora e xa premiada, A Panadaría.

Dentro das actividades paralelas, este ano celebraremos o segundo encontro de Mulleres Creando, con profesionais galegas e estranxeiras do ámbito da cultura e das artes. Terá como protagonista a danza, linguaxe artística que alimenta o espírito. Mulleres que programan, mulleres que danzan, que interpretan, mulleres que crean un mundo máis xusto e igualitario.

Espero vervos nos diferentes espazos, Teatro Principal, Auditorio Municipal e Campus Universitario. Espero compartir e soñar canda vós con este 9º FITO!


Ánxeles Cuña Bóveda
Directora do Festival Internacional de Teatro de Ourense