Esta criatura que é o FITO cumpre dez nutritivos anos, dez edicións que nos deixan unha pegada indeleble preñada de emocións, de poesía, de imaxes cruzadas, de liñas de pensamento que buscan conmover ao espectador, levar á reflexión, estimular a nosa imaxinación, coñecer paisaxes novas, linguaxes, universos creativos...


Esta utopía naceu da complicidade coas institucións que a fan posible, da crenza en que a beleza, no sentido aristotélico da palabra, debe pasar polos carreiros da verdade, por un mirar comprometido ao que nos rodea.

Como o mundo, ou iso queremos crer, este Fito esperta a unha nova edición co propósito de medrar para mellorar, de facerse adulto, de tender pontes e non muros.

Ábrense as portas dos teatros, sube o pano e, como foi no principio de todo, agárdanos a maxia, o riso, o asombro, a emoción.

Non buscamos o aplauso. Este camiño percorrido é nada xa que non hai conquista posible sen vós, sen os ollos que miren, sen ouvidos que escoiten, sen corazóns que compartan latexos. Na xénese desta travesía teatral sempre estivestes aí; o público como auténtico mascarón de proa do Fito, o espectador como alfa e timón.

Por vós, brindamos hoxe agradecidos neste aniversario.

 


Festival Internacional de Teatro de Ourense