Benvidas e benvidos ao 12º FITO! Por fin escachou o último da ducia. Traballamos moito para que non se esganara este ovo. Pero, coa calor e o alento da cidadanía consciente do perigo que corre a cultura, este 12º FITO nace co orgullo dun programa fiel á identidade dos seus irmáns e coa vontade de servizo á cidade de Ourense. Porque cremos nesta cidade, Atenas de Galicia, que está ás portas de celebrar o centenario da revista máis importante de comezos do século XX: a Revista Nós, voceiro cultural e artístico, cunha envexable sección teatral. Porque cremos na beleza, na arte, na expresión, na multiculturalidade que nos amosa o teatro como transmisor de pensamento. Porque necesitamos compartir sensibilidades, crear espazos para a emoción. Porque o teatro é un vehículo que nos ensina quen fomos e cara a onde imos. Porque queremos, cremos e soñamos o teatro nestes tempos onde querer, crer e soñar se está volvendo cada vez máis complexo. Cinco días de mergullo teatral con propostas internacionais, estatais, galegas e de rúa. Unha programación que mantén a filosofía coa que naceu este festival, pero nun período máis curto do habitual. Tamén estará concentrada en dous espazos escénicos: Teatro Principal e Campus de Ourense. E isto é pola falta de apoio do Concello de Ourense a esta edición. Porén, agradecemos á Deputación de Ourense, Agadic e Universidade de Vigo o seu apoio nestes momentos tan críticos para a cultura e para a cidade. Quédanos a mágoa de ter que adiar o encontro de Mulleres Creando, espazo de recoñecemento do labor da muller nas artes escénicas. Agardamos retomar este proxecto coa mesma enerxía do comezo. Aínda que caian as follas este outono, as nosas raíces son sólidas e profundas. Non haberá trebón que nos derrube. Ás veces, como sucede nos contos, cantas máis pedras aparecen no camiño, máis querenza hai por chegar ao outro lado, ao destino soñado. Acompañádesnos? Vémonos no 12º FITO!


Festival Internacional de Teatro de Ourense