Desde o balance positivísimo da pasada edición á que nós mesmos e os medios de comunicación dimos en chamar unha edición de “resistencia”, empurrados pola implicación da cidadanía pretendemos pór en pé un novo Fito que desexamos sexa de “efervescencia”. Efervescencia fronte á resistencia, non é tan mala cousa. Remítenos ás inquedanzas e rebulir dos espíritus nunhas excepcionais circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, pero tamén ao vigor e inconformismo da adolescencia que interpela constantemente ao mundo, buscando e reclamando de seu un espazo e un lugar; unha voz propia. Este novo FITO, que cumprirá trece escintilantes edicións, é o resultado do compromiso coas artes escénicas e cos cidadáns de Ourense, un compromiso que se mantén aínda que veñan “mal dadas”; aínda que, un ano máis, se lle negue o apoio da cidade que viu nacer a esta criatura cultural.

Na procura dos apoios necesarios para alimentala, atopamos como novo aliado ao Concello de Barbadás ao que temos que agradecer expresamente a súa boa disposición e o alto grado de complicidade que nos amosou desde as primeiras conversas. Barbadás é un municipio xoven, inquedo, en constante crecemento e, de seguro, a súa colaboración outorgará a esta nova edición, ademais de novos escenarios; un pulo inspirador. No capítulo de aliados, non podemos obviar os apoios necesarios tanto do Teatro Principal como da Excma Deputación de Ourense, a Axencia Galega de Industrias Culturais e a Universidade de Vigo. 

Conscientes das limitacións, buscamos máis ca nunca a excelencia e a eficacia na programación, pondo ao dispor da realización do Festival todos os recursos da compañía Sarabela Teatro. Procuramos facer unha escolla magnífica coa responsabilidade máxima, crendo firmemente no poder salvífico da cultura.

O teatro sana e imos remar a favor.

Fina Calleja
Dirección XIII FITO