Pretendemos pór en pé un novo Fito que procurará tinguir dunha connotación revindicativa que dé conta da efervescencia creativa da nosa comunidade, dos artistas e das empresas que de xeito proactivo buscan ocupar o espazo que lles corresponde como axentes dinamizadores e de crecemento sostible da súa comunidade frente aqueles que pretenden relegalos ao que, baixo unha lectura intencionadamente reducionista, se deu en chamar o “sector do entretemento”. Este novo FITO, que cumprirá quince escintilantes edicións, é o resultado do compromiso coas artes escénicas e cos cidadáns de Ourense, un compromiso que se mantén buscando e reclamando de seu un espazo e un lugar; una voz propia.

Ampliamos espazos, voces e estratexias nesta nova edición, pondo o acento nas compañías emerxentes, moitas delas vencelladas íntimamente coa cidade como a CÍA UXÍA MORÁN e a CÍA BARROSANTA, que nos achegarán as súas primeiras producións de gran formato.
Nesta aperta de xéneros e linguaxes que é o FITO, queremos especialmente nesta edición darlle ás artes escénicas o seu valor, o valor intrínseco que a cultura ten, e multiplicar o seu alcance como elemento cohesionador, como sostén dos valores democráticos e recurso estratéxico imprescindible de desenvolvemento sostible de calquera comunidade que pretenda medrar como tal.

Reeditamos 67 Graos-Ourense Fervescénica como espazo de encontro, de diálogo entre disciplinas e artistas, albergando de novo catro estreas absolutas que, de xeito proactivo, pretenden dar voz aos novos creadores.
Teatro de Rúa e Teatro de Sala, compañías consolidadas cunha voz propia como o son IBUPROFENO, A PANADARÍA, EXCÉNTRICAS, ART’IMAGEM, ELEFANTE ELEGANTE, CIRCO CHOSCO ou SUTOTTOS con creadores pouco habituais nas programacións. E teatro galego, moito teatro galego como espello dun momento creativo diverso. O FITO erguerá o pano da súa edición número quince cos apoios da AGADIC, o Teatro Principal, o Lideo Recreo Ourensán, e a Deputación provincial de Ourense. Novos escenarios algúns que nos permiten continuar coa mesma ilusión e coa responsabilidade de manter viva a esta criatura escénica que tamén se nutre da implicación de artistas, compañías e agrupacións culturais. O Festival conta tamén con outros aliados como o son o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo Recreo Ourensán, o espazo MUR MARXINAL e o CEIP MARISTAS.
No apartado de actividades paralelas, contaremos coa presentación de dúas novas publicacións: A Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo editado pola Cena Lusófona (Associação Portuguesa para o Intercambio Teatral) e Pandrama do dramaturgo, docente, director de escena e crítico Afonso Becerra.
Soñamos con tempos mellores, que deseguro virán, e elaboramos unha programación equilibrada e responsable coas limitacións deste presente ao que lle plantamos cara para enmendalo.

Fina Calleja
Dirección XV FITO