XOVES 24
20'00 TEATRO PRINCIPAL
COMPAÑÍA: A RAMBOIA
PROCEDENCIA: GALICIA
ESPECTÁCULO: Un tal Romeo
DURACIÓN: 65 min.
ESTREA
FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Dirección e Dramaturxia:
María Peinado
Elenco:
Fran Lareu, Anxo García
Escenografía e Vestiario: María Peinado
Deseño de Iluminación: Germán Gundín
Esculturas: Luchi Iglesias
Pintura: Armindo Salgueiro
sinopse
Un tal Romeo é un espectáculo de A Rambola con texto e dirección de María Peinado e os intérpretes Fran Lareu e Anxo García. Unha proposta de linguaxes contemporáneas que gravita ao redor dun dos personaxes Shakesperianos mais canónicos. Diversos Romeos descontextualizados redefinen o seu concepto de amor e a súa inherente masculinidade infecciosa nun continuo xogo de contrastes e tensión rítmica entre ondas coreográficas. Arroupado por unha tremoia escénica viva, un actor interpreta o papel de Romeo. Repasa pasaxes da obra Shakesperiana. Colga o cartel de función cancelada e a continuación, destrúe a martelazos o balcón de Xulieta. Que difícil é querer no 2024, que dificil é quererse.
A COMPAÑÍA
Ideada coa intención de ser unha compañía que se fundamente na investigación das relacións entre o teatro, a música e as artes plásticas desde a súa intersección no teatro de marionetas, nace Teatro da Ramboia no ano 2012 que no 2022 cambia o seu nome A Ramboia. Trátase dunha nova experiencia tea- tral de Anxo García despois de Viravolta e Seisdedos e a desaparecida Teatro da Gavela. Unha compañía de espectáculos multidisciplinar creada coa intención de contrabandear ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e calquera outra forma de expresión.
No 2018 a equipa de A Ramboia amplíase, contando coa diretora María Peinado e o actor Fran Lareu. A experiencia deles en compañías como ilMaquinario Teatro, A Cova das Letras, Elefante Elegante ou Viravolta e Seisdedos, serve de apoio a unha liña de creación que mestura a tradición coa contemporaneidade nas súas propostas, reforzando así o obxectivo de investigación que a propia compañía ten desde o seu inicio. En Outubro de 2018, Teatro da Ramboia gaña o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Casa Museo Manuel María, co proxecto O meu mundo non é deste reino. O 7 de novembro de 2019 a compañía estrea no Auditorio Municipal de Ourense o espectáculo O meu Mundo non é deste Reino. Unha proposta escénica multidisciplinar para público adulto que resulta dobremente premiada nos Premios de Teatro María Casares 2020 cos premios de Mellor Adaptación e Mellor Dirección, ambas para María Peinado.